Día das Aves 2012
http://grupodeanelamentoandurinha.blogspot.com.es/
A vindeira fin de semana comeza unha nova edición deste importante
evento organizado por BirdLife International a escala mundial e que en
España coordina SEO/BirdLife, para dar a coñecer o apaixonante mundo das
aves e os seus problemas de conservación. Este ano desenvolveranse máis
de 300 actividades en toda España, unha delas a que agora che
presentamos, na que participa o Grupo de Anelamento ANDURIÑA.
Por NOVENO ano consecutivo, o grupo de anelamento ANDURIÑA e máis a
Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) convidan ao público a
participar nos actos do "Día Mundial das Aves". Repartirase entre os
asistentes o libro editado polo noso grupo sobre o Espazo Natural de
Punta Balea. A SEO facilitará material para repartir entre os
participantes (pegatinas, posters, folletos informativos, etc.). Trátase
dunha celebración moi especial que pretende festexar e difundir a rica
variedade de aves que temos no noso país e en Punta Balea en particular.
Os actos serán a vindeira fin de semana: O domingo día 7 de outubro,
desenvolverase o xa tradicional "Día das Aves" en Punta Balea (de 9:30 a
13:30), no tramo de costa comprendido entre a baleeira e a praia da
Areamilla (cun punto de observación fixo nas inmediacións da lagoa). A
elección deste lugar non é fortuíta senón que se trata do mellor lugar
da Península do Morrazo (e un dos mellores da provincia) para a
observación das aves, tanto polo número de especies presentes (unhas 140
ó longo do ano) como polo achegamento que permiten. Haberá varios
postos de observación de aves nos que se poderán contemplar diversas
aves acuáticas (na lagoa), mariñas (nas praias e mar) e terrestres (na
costa). Ao igual que en anos anteriores, nenos e maiores poderán seguir
con todo detalle as explicacións (teóricas e prácticas) sobre as
migracións e o estudio das aves mediante o seu anelamento (marcaxe con
anelas). Haberá telescopios a disposición do público, aínda que se
recomenda que aqueles afeccionados que teñan prismáticos en casa veñan
con eles. Esperamos acadar o éxito de edicións anteriores, nas que
participaron varios centos de persoas.
Recoméndase a asistencia a primeiras horas, nas que as aves están
máis activas (e sería máis doado observar un maior número de aves e
especies) e, sobre todo, non deixalo para última hora do domingo, na que
se produce a maior asistencia de público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario